Manifesto da UNESCO sobre a Biblioteca Pública 1994

 

A liberdade, a prosperidade e o desenvolvemento da sociedade e dos individuos son valores humanos fundamentais. Estes só poderán alcanzarse mediante a capacidade dos cidadáns ben informados para exerce-los seus dereitos democráticos e desempeñar un papel activo na sociedade. A participación constructiva e a consolidación da democracia dependen tanto dunha educación satisfactoria como dun acceso libre e sen límites ó coñecemento, ó pensamento, á cultura e á información.

A biblioteca pública, porta local cara ó coñecemento, constitúe un requisito básico para a aprendizaxe ó longo dos anos, para a toma independente de decisións, e para o progreso cultural do individuo e dos grupos sociais.

Este Manifesto proclama a fe da UNESCO na biblioteca pública como unha forza viva para a educación, a cultura e a información, e como un axente esencial para o fomento da paz e do benestar espiritual a través do pensamento de homes e mulleres.

Así pois, a UNESCO anima ás autoridades nacionais e locais a dar soporte e comprometerse activamente no desenvolvemento das bibliotecas públicas.

 

A biblioteca pública

A biblioteca pública é un centro local de información que facilita ós seus usuarios tódalas clases de coñecemento e de información.

Os servicios da biblioteca pública préstanse sobre a base de igualdade de acceso para tódalas persoas, sen ter en conta a súa idade, raza, sexo, relixión, nacionalidade, idioma ou condición social. Deben ofrecerse servicios e materiais especiais para aqueles usuarios que por unha ou outra razón non poden facer uso dos servicios e dos materiais ordinarios, por exemplo, minorías lingüísticas, persoas con discapacidades ou persoas en hospitais ou prisións.

Tódolos grupos de idade han encontrar material adecuado ás súas necesidades. As coleccións e os servicios incluirán todo tipo de soportes adecuados, tanto en modernas tecnoloxías como en materiais tradicionais. Son fundamentais a súa alta calidade e a súa adecuación ás necesidades e condicións locais. Os materiais deben reflecti-las tendencias actuais e a evolución da sociedade, así como a memoria do esforzo e da imaxinación da humanidade.

Nin os fondos nin os servicios estarán suxeitos a forma algunha de censura ideolóxica, política ou relixiosa, nin a presións comerciais.

 

Misións da biblioteca pública.

As seguintes misións clave, referentes á información, á alfabetización, á educación e á cultura, serán a esencia da biblioteca pública:

1. Crear e consolida-los hábitos de lectura nos nenos desde os primeiros anos.

2. Prestar apoio á educación, tanto individual como autodidacta, así como á educación formal en tódolos niveis.

3. Brindar posibilidades para o desenvolvemento persoal creativo.

4. Estimula-la imaxinación e a creatividade de nenos e mozos.

5. Fomenta-lo coñecemento do patrimonio cultural, e a valoración das artes, dos logros e das innovacións científicas.

6. Facilita-lo acceso ás expresións culturais de tódalas manifestacións artísticas.

7. Fomenta-lo diálogo intercultural e favorece-la diversidade cultural.

8. Prestar apoio á tradición oral.

9. Garantir ós cidadáns o acceso a todo tipo de información da comunidade.

10. Prestar servicios adecuados de información a empresas, asociacións e agrupacións de ámbito local.

11. Facilita-lo progreso no uso da información e o seu manexo a través de medios informáticos.

12. Prestar apoio e participar en programas e actividades de alfabetización para tódolos grupos de idade e, de ser preciso, inicialos.

 

Financiamento, lexislación e redes

A biblioteca pública ha ser, por principio, gratuíta. A biblioteca pública é responsabilidade das autoridades local e nacional. Debe rexerse por unha lexislación específica e estar financiada polos gobernos nacional e local. Ha ser un compoñente esencial de calquera estratexia a longo prazo para a cultura, a provisión de información, a alfabetización e a educación.

Para logra-la coordinación e cooperación bibliotecaria a nivel nacional, a lexislación e os plans estratéxicos han definir e promover, tamén, unha rede nacional de bibliotecas, baseada en normas de servicio convidas.

A rede de biblioteca pública ha ser concibida en relación coas bibliotecas nacionais, rexionais, especializadas e de investigación, así como coas bibliotecas escolares, de institutos e universitarias.


Funcionamento e xestión

Formularase unha política clara que defina obxectivos, prioridades e servicios en relación coas necesidades da comunidade local. A biblioteca pública ha de organizarse eficazmente e manter normas profesionais de funcionamento.

Asegurarase unha cooperación con interlocutores relevantes, por exemplo, grupos de usuarios e outros profesionais a nivel local, rexional, nacional e internacional.

Os servicios han ser fisicamente accesibles a tódolos membros da comunidade. Isto require que os edificios e as bibliotecas públicas estean ben situadas, con boas condicións de lectura e de estudio, tecnoloxías adecuadas e un horario suficiente e apropiado ós usuarios. Supón así mesmo servicios de extensión para quen non poida acudir á biblioteca.

Os servicios da biblioteca han de adaptarse ás necesidades das distintas comunidades en áreas rurais e urbanas.

O bibliotecario é un intermediario activo entre os usuarios e os recursos. É indispensable a súa formación profesional e permanente para que poida ofrecer servicios adecuados.

Haberán de establecerse programas de extensión e de formación de usuarios con obxecto de axudarlles a sacar proveito de tódolos recursos.

 

Aplicación do Manifesto

Ínstase a quen toma decisións a nivel nacional e local, e á comunidade bibliotecaria en xeral, en todo o mundo, a que apliquen os principios expostos no presente Manifesto.

Este Manifesto preparouse en colaboración coa Federación Internacional de Asociacións de Bibliotecarios e Bibliotecas (IFLA) e foi aprobado pola UNESCO en novembro de 1994.

 

Traducción, Fundación Germán Sánchez Ruipérez (Peñaranda de Bracamonte)